26 de set. de 2013

Día Europeo das Linguas

Porque nós tamén queremos celebrar o Día Europeo das Linguas!

                                                  Unha imaxe vale máis ca mil palabras...

23 de set. de 2013

Moodle

Estes días estamos a facer un curso en liña no que nos ensinan a utilizar a plataforma Moodle. O nome do curso é Learn Moodle e desenvólvese en inglés, aínda que existen foros en español e tamén a posibilidade de activiar os substítulos en castelán nos vídeos explicativos de YouTube. Trátase dunha actividade moi interesante que nos permite crear o noso propio curso en liña sobre calquera materia. Unha vez elixido o tema, podémolo organizar de múltiples maneiras xa que a plataforma ofrece a posibilidade de utilizar moitísimas actividades. Evidentemente, pódense subir textos en PDF, establecer enlaces a outras páxinas, utilizar vídeos... todo tipo de recursos. Ademais, podes crear as túas propias actividades na mesma plataforma, algunhas delas moi semellantes ás que se poden facer con HotPotatoes pero que resultan máis doadas de utilizar (tamén son máis sinxelas a nivel visual).

Os alumnos poden participar en foros, crear wikis, glosarios comúns ou resolver cuestións en grupo. Poden entregar os seus traballos dende o propio Moodle xa que a plataforma permite subir arquivos ou escribir mensaxes para entregar ao profesor. O traballo de corrección pode resultar máis doado xa que dispón dun apartado no que se rexistran todas as persoas que acceden ao curso, o momento no que entran nel, as actividades nas que participan, etc.

A configuración do curso é bastante sinxela e intuitiva pero, se queremos ofertar un curso interesante e que resulte produtivo para o alumnado, teremos que elaborar actividades de calidade. Coma na maioría destas plataformas, o principal é ter material suficiente e interesante para colocalo na rede. Moodle ofrece os medios pero, as actividades témolas que realizar nós. A verdade é que se temos un bo banco de recursos xa elaborados e somos capaces de coñecer todas as virtudes de Moodle, podemos crear un curso realmente completo e útil. Do contrario, teremos que dedicar moito tempo a elaboralo pero cremos que paga a pena porque hai resultados espectaculares.

Nós optamos por comezar a crear un Curso Básico de Galego. Ten moi pouquiñas actividades e imos facendo o imprescindible que nos piden as profes porque non temos demasiado tempo estes días. Cada domingo, estamos convocados a unha reunión diante do ordenador para ver o titorial no que nos explican o que se vai facer ao longo da semana. Este domingo, levamos unha grandísima sorpresa ao ver que o noso curso aparecía no titorial en directo e que as profes falaban del diante dos demais compañeiros. Supoñemos que entre tanto curso en inglés, o galego chamoulles a atención. Deixamos aquí o vídeo do titorial no que aparecen os comentarios das profesoras. Sobre o minuto 31:57  poderedes escoitar as súas opinións.



16 de set. de 2013

Grao en Lingua e Literatura Galegas

 A Universidade de Santiago de Compostela presenta o Grao en Lingua e Literatura Galegas con dous titulares mois claros e concisos: "Unha opción comprometida con Galicia" e "Unha aposta comprometida co teu futuro". Isto é o que podemos ler nun pequeno texto que publica a USC para dar a coñecer as posibilidades de inserción laboral que teñen as persoas que estudan este Grao. Aínda que a principal saída laboral para unha persoa que estuda filoloxía parece que é o ensino, tamén existen outras opcións, especialmente, no mundo da comunciación, na industria editorial, na tradución...

  

Na información que facilita a USC, aparece a previsión de vacantes por xubilación no profesorado de LLG de secundaria dende o ano 2015 ata o 2030. Este é un dato que resulta moi interesante para os futuros estudantes do Grao e para todos aqueles profesores que se atopan nas listas de substitucións. Ademais, tamén destacan que o índice de  inserción laboral das persoas que estudan galego é superior á media doutras Filoloxías. Outra vantaxe que ofrece é a posibilidade de traballar en lectorados en universidade de Europa e América.

Aínda que ultimamente pareza que as Humanidades perderon a súa importancia, seguimos a precisar persoas comprometidas coa lingua e a literatura.  O galego non pecha portas, senón todo o contrario: serve para abrilas. O noso idioma é unha opción con futuro.

                                                                 Datos da USC

4 de set. de 2013

Bolsas Comenius para profesores: informe final

Unha vez que finalizamos a nosa actividade formativa, temos 30 días naturais para enviar o Informe Final á Axencia Nacional (OAPEE). Este informe témolo que mandar en liña e por correo postal (cunha copia do certificado que nos deron ao finalizar o curso). Despois de entregar toda esta información, teremos dereito a recibir o resto do importe económico da bolsa.

O Informe Final consta de varios apartados nos que debemos poñer toda a información que nos solicitan sobre o curso que fixemos. O primeiro deles trata sobre as actividades preparatorias que realizamos para poder facer con éxito o curso. Nelas están incluídas a preparación lingüística, as lecturas recomendadas dende a organización do curso ou as enquisas previas á realización da actividade que nos enviaron dende Cambridge.

Nun segundo paso, debemos describir os contidos que se incluían na actividade formativa, as tarefas que realizamos e a metodoloxía que empregou a profesora no desenvolvemento das clases. Xunto cos contidos do curso,  teremos que sinalar o seguimento que se fixo das actividades desde Cambridge e o seguimento posterior, ademais de explicar como vai ser a  difusión dos coñecementos que adquirimos e os medios que imos utilizar para realizala (Internet, intercambios, seminarios...).

Unha vez máis, debemos reflexionar sobre o impacto que vai ter na comunidade educativa a nosa participación nesta actividade formativa. Para isto, teremos que describir como vai repercutir a nosa formación na xestión do centro, no labor dos nosos compañeiros ou no proceso de aprendizaxe do alumnos.

Por último, só nos queda facer unha valoración do curso ao que asistimos e engadir os comentarios ou suxerencias que consideremos para que a Axencia Nacional os teña en conta.

Cómpre lembrar que tamén hai posibilidade de solicitar un certificado á Xunta de Galicia no que se recoñeza a nosa participación nunha actividade formativa dentro do Programa Comenius. Estes certificados tamén os poden solicitar todos aqueles que gozen doutro tipo de bolsas dentro dos Programas Europeos. Para conseguilo, hai que acceder á sección Linguas Estranxeiras que aparece ao final do portal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.  Unha vez alí, debemos entrar en Programas Europeos e acceder a Servizos para escoller a opción Expedición de Certificados. Aquí eliximos o enlace que corresponda (no noso caso Formación Continua Comenius) e cubrimos a Acta de Avaliación cos datos que nos piden. Xunto coa Acta, debemos incluír unha breve memoria do curso, copia do informe final que enviamos a Madrid, copia compulsada do certificado que nos deron no curso (pódenche compulsar a copia no rexistro da Xunta no que entregues a documentación ou Delegación Provincial) e un escrito no que figuren os nosos datos e os documentos que presentamos para a nosa solicitude. Este escrito ten que ir dirixido ao seguinte enderezo:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Unidade de Programas Europeos
Edificio de San Caetano, s/n
15781 Santiago de Compostela