31 de xan. de 2013

O galego en "crisi"?

Interesantes reflexións as que nos deixa o filólogo e académigo da RAG, Xosé Luís Regueira, sobre a situación actual do galego no mundo da política.

"Hemos feito" que o galego estea en "crisi"?


29 de xan. de 2013

24 de xan. de 2013

Linguagista

O blogue do revisor e tradutor Helder Guégués onde ele mesmo esclarece os leitores as dúvidas da língua portuguesa, a origem das palavras e até os erros que há nos dicionários.

Linguagista


23 de xan. de 2013

Táboas, deporte en galego

Unha nova ollada sobre o deporte dende a nosa lingua. Un proxecto que pretende fuxir dos habituais debates mediáticos para centrarse só nos verdadeiros protagonistas, os deportistas.

Táboas


21 de xan. de 2013

Historia da lingua galega

Hoxe mostramos aquí dúas ligazóns que nos axudarán a facer un repaso da historia do galego. A primeira delas condúcenos ata o Romance da historia da lingua Galega, obra que nos deixa o autor Darío Xohán Cabana. A segunda, á Historia da lingua galega. Do latín ao acento de Burgos, coas preciosas ilustracións de Pepe Carreiro.



20 de xan. de 2013

Comeza o Entroido 2013

Xinzo de Limia é das primeiras localidades galegas en comezar a festexalo. Esta fin de semana temos o  Domingo Fareleiro. Iniciamos o ciclo do Entroido!


Beowulf

Para unha tarde de domingo gris, nada mellor que recuperar unha boa lectura. Por exemplo, a tradución ao galego de Beowulf que fixo Jorge Luís BuenoAlonso. Beowulf é un dos poemas máis importantes da literatura medieval inglesa e tamén da literatura medieval europea. Está escrito en anglosaxón ou inglés antigo, idioma que na actualidade os propios ingleses consideran case estranxeiro ou mesmo descoñecido. Esta era a lingua que se escribía e falaba en partes de Inglaterra e o suroeste de Escocia dende mediados do século V ata mediados do século XII.

Malia a dificultade que presenta como texto, Beowulf segue traducíndose e esta é a primeira tradución aliterativa á lingua galega. Mais a consideración deste texto como unha grande obra literaria chegou hai pouco tempo. Naceu coa filoloxía do século XIX, pero confirmouse máis tarde, o 25 de novembro de 1936, coa conferencia que na memoria de Sir IsraelGollancz pronunciou J.R.R.Tolkien diante dos membros da Academia Británica, publicada meses despois co título de “Beowulf: os montros e os críticos”. Aquí temos unha das reflexións que fai neste ensaio:

Beowulf non é un poema “primitivo”: é un poema tardío, que usou materiais (abundantes naqueles tempos) que se mantiveran dende un tempo que xa estaba mudando e desaparecendo, un tempo que xa se esvaeceu de todo e para sempre, engulido polo esquecemento. Mais usounos cun novo propósito, dándolle pulo á imaxinación (...).

Os galegos non nos atopamos lonxe deste imaxinario. Di Jorge Luís Bueno Alonso na introdución da súa propia tradución:

“Penso que no caso da épica de Beowulf, a conexión co mundo galego é máis forte cá que poida te-lo texto noutras linguas. Nesta terra de beiras e cantís, de ondas que sucan as sendas do mar, de brétemas e lendas de monstros que xorden das lagoas e da néboa, a historia do poema reflíctese mellor ca noutras partes do mundo, pois compartimos certos elementos do mitolóxico e do simbólico do mundo mariño e costeiro do norte de Europa. E iso segue sendo o importante do texto: a historia, o contido, a poesía, a transmisión. Agardo que a versión galega de Beowulf poida, como dixo unha vez o filólogo Kenneth Sisam, lerse con pracer “nun lugar lonxe das bibliotecas”, e no noso caso, por primeira vez, nun lugar entre Frisia e Fisterra. O lector ten agora a decisión final nisto”.

Beowulf (para ver o texto orixinal)

Prólogo: O funeral de Scyld (1 – 52)

Escoitade!
Dos bravos daneses, nos días doutrora,
da forza dos seus reis e dos feitos máis nobres
que acadaron os heroes, escoitamos historias.

14 de xan. de 2013

Gústanos falar galego

O galego está de moda. Todo o mundo quere falar a nosa lingua. Aquí tedes a estudantes de galego en Carballo que nos explican as súas razóns para aprendelo.


11 de xan. de 2013

Do galego ao inglés

Este novo proxecto, Portico of Galician Literature, nace coa intención de reforzar a proxección exterior da nosa literatura a través de internet e da lingua inglesa. Autores da categoría de Suso de Toro ou Xavier Alcalá xa teñen o seu espazo en inglés. 

Portico of Galician Literature


6 de xan. de 2013

GalegoBook

"A biblioteca en liña sobre a lingua". Así é como describen os seus creadores este espazo no que podes ler ou descargar diversos libros electrónicos sobre o galego.

GalegoBook